Tuesday 14 de May de 2024

O equipo redactor propón a Carballa – Cudieiros como única alternativa viable para ampliar o chan industrial de Riveira


O Consistorio Municipal de Riveira acolleu dúas reunións (unha cos grupos da Corporación e outra con empresarios interesados) nas que se deron a coñecer os traballos elaborados polo equipo redactor co fin de ampliar o chan industrial de Riveira.

Descartadas as dúas zonas que contempla o PXOM en vigor (é dicir, Couso, por estar afectada polo Plan de Ordenación do Litoral, e Xarás en dirección a O Son polo seu elevado impacto visual con incidencia incluso dende o parque natural) o equipo redactor propón de entre todas as alternativas estudadas unha única solución viable: a ampliación do chan industrial na zona de A Carballa / Cudieiros (adxúntase mapa ao final da nota).

O equipo redactor afirma que esta é a única alternativa viable dado que o resto de posibilidades están afectadas por normativas como o POL e/ou as desaconsellan outros factores como imposibilidade de emprender no futuro novas ampliacións, dificultades de acceso, alto impacto visual, etc…

Sobre os terreos de A Carballa – Cudieiros, os redactores destacan os seus bos accesos, a menor afección nos núcleos de poboación, o elevado grao de concentración da propiedade e a posibilidade dunha ampliación paralela á autovía.

O que prevé o estudo elaborado é unha primeira fase de 196.600 euros, das cales 125.400 metros cadrados estarían destinados a parcelas privadas. E unha segunda fase cando esta fose necesaria doutros 114.700 metros cadrados ata sumar un total 311.700 metros cadrados, 211.500 para parcelas privadas.

Modificación do PXOM
Aínda non se definiu un custe, pero este situaríase entre os 40 e os 60 euros por metro cadrado a falla de concretalo.

Agora, o próximo paso a dar é someter esta alternativa á decisión dos grupos reunidos en pleno posto que á hora de activala se require a modificación puntual do PXOM.

Por outra parte, cómpre sinalar que entre os empresarios reunidos na xuntanza de onte constátase un interese en ata 50.000 metros cadrados de chan industrial, sen contar outras entidades que tamén teñen expresado ao Concello o seu interese.